A Asociación Internacional de Estudos Galegos é a materialización dunha rede universitaria que conecta os estudos galegos coas tradicións académicas de diversos países, tornando posíbel o diálogo da cultura de Galicia coas liñas de investigación máis actuais, desenvolvidas en centros universitarios de todo o mundo. Os eixos temáticos xerais dos congresos da AIEG inclúen aspectos relacionados coa lingua, a literatura, a cultura, a historia, a política e a sociedade, a educación, os estudos de tradución e as artes.
Neste congreso celebrado no Brasil, debido á especial relación lingüística e cultural dese país con Galicia, como consecuencia da continuidade histórica galego-portuguesa, serán privilexiados os estudos comparados nos ámbitos da cultura, da historia e da literatura, así como os estudos lingüísticos comparados, no ámbito da lingüística histórica, da dialetoloxía e da sociolingüística. Considerando, precisamente, a continuidade histórico-cultural e a intensa tradición dos estudos medievais no Brasil, a cultura da Idade Media, e a súa recepción actual, constitúe outro eixo temático privilexiado no congreso. Finalmente, as emigracións históricas e contemporáneas configuran o último dos eixos temáticos específicos do noso encontro, coa intención de darmos visibilidade, entre outros aspectos, à relevancia da presenza galega no Río de Xaneiro e noutros lugares da América de lingua portuguesa. Entre as marxes do océano Atlántico, esperamos que este encontro permita revivir as memorias galegas no Brasil e estreitar lazos culturais antigos, en dúas cidades, Niteroi e Río de Xaneiro, situadas a ambos os lados da Bahía da Guanabara, que sempre acollen os seus visitantes cos brazos abertos.
Ademais das actividades plenarias, conferencias e mesas redondas, con investigadores/as convidados/as, no congreso haberá paneis temáticos, comunicacións libres, seminarios, actividades culturais e presentación de libros. Faremos tamén a entrega do II Premio Internacional de Estudos Galegos, que será convocado en breve. E, finalmente, renderemos homenaxe á memoria saudosa de galicianistas de ambas as marxes do Atlántico que, coa súa actividade académica no Brasil, deixaron unha pegada profunda: Rosario Suarez Albán, Maria do Amparo Tavares Maleval e María del Mar Paramós Cebey.
Neste momento convidamos á comunidade académica dos estudos galegos a proporen paneis temáticos:
Os paneis poderán ser propostos por un por dous coordinadores e contarán cun título, un pequeno resumo (de entre 150 e 350 palabras) e de 3 a 5 palabras-chave. As/os coordinadoras/es dos paneis estarán exentos do pagamento da taxa de inscrición e pasarán a integrar o comité científico do congreso, sendo responsábeis pola avaliación das comunicacións presentadas ás súas sesións. O número mínimo de participantes para a realización do panel será de catro persoas.
DATAS IMPORTANTES:
- Inscrición de paneis temáticos – 15 de xullo a 15 de outubro de 2026
- Presentación de comunicacións – 20 de outubro de 2026 a 31 de xaneiro de 2027
- Comunicacións aprobadas – 15 de febreiro de 2027
- Data de inicio das inscricións – 20 de febreiro de 2027
- Data de final das inscricións – 15 de abril de 2027
